O camiño empeza agora sitúase no baixo da que está considerada como unha das casas máis antigas de Santiago de Compostela, no número 27 da rúa Algalia de Arriba. Xusto enriba, presidindo a rúa, impoñente, está o torreón medieval de Don Pedro. E ao carón, cara a San Miguel dos Agros, a Casa Gótica. Este edificio ten trazos construtivos do século XIV e foi posiblemente casa do rei Pedro I (1350-1369). Destaca a súa fachada en sillería de granito e a súa ventá de arcos apuntados.

Rodeados de tanta historia, quixemos darlle forma ao noso espazo cun deseño que encaixase entre tanta beleza. Optamos por conxugar a pedra coa madeira. Debuxamos un bosque de árbores que, como no camiño, van guiándonos na visita da tenda polos diferentes artigos do noso catálogo, a xeito de etapas do camiñar. Gústanos que os nosos clientes demoren na visita, que observen, que descubran cada creación única dos artesáns cos que traballamos.

Historicamente, o Camiño de Santiago converteuse nun estímulo para o desenvolvemento cultural dos lugares polos que pasaba. A artesanía, unha das manifestacións culturais do pobo, viuse impulsada por unha maior presenza de peregrinos, que demandaba máis produtos, tanto de cerámica, como téxtiles ou alimenticios. E nesa tradición queremos seguir nós, ofrecendo unha coidada selección de artesanía, gastronomía e tamén literatura para continuar o camiño da vida.