o camiño empeza agora
Cada día, cada instante é un comezar. Pasámonos media vida anticipando ou preparando o que virá e outro tanto dándolle voltas ao que xa foi. Se ben é certo que o pasado ofrece alicerces e que o futuro pode inspirar, o momento no que realmente podemos actuar, no que vivimos, é aquí e agora.
Isto mesmo é o que quixemos reflectir co noso logo: o noso corazón que sente como se nutre da súa raizame; que ve medrar as súas ramas; mais que ten o seu sentir no punto equidistante, na rosa, no presente. E isto mesmo foi tamén o que sentimos na nosa chegada a Compostela ao remate do Camiño de Santiago. Algo mudara naqueles días sen máis preocupación que camiñar e, dalgunha maneira, non queriamos que o percurso chegase ao fin. Mais comprendemos que a chegada non era un remate, porque o camiño sempre está comezando: o camiño empeza agora.
E é agora cando queremos ter vivencias de calidade, conscientes, cargadas de emoción. Porque é a emoción a que queremos que presida o noso presente. E con esa idea démoslle forma ao proxecto de ‘o camiño empeza agora’. Valoramos a emoción coa que cada artesán lle dá forma ás súas creacións, coa que cada produtor elabora os seus artigos, coa que cada escritor imaxina novos mundos.
Gústannos as persoas e queremos ofrecerlles un trato próximo, persoal. Por iso cremos no comercio local, porque ofrece unha atención ao cliente máis personalizada e cálida. Defendemos o pequeno comercio porque xera riqueza local e contribúe a facer cidade, porque sen el, a nosa Compostela perde vida e valor. Tamén apostamos por utilizar todas as tecnoloxías que temos á man para facer mellor e máis próxima a nosa oferta, sen perder nunca de vista o lugar no que nos asentamos.