o camiño empeza agora
somos Jose e Isa


Fixemos o Camiño de Santiago hai uns anos, alí coñecémonos e, tempo despois, namoramos. A nosa experiencia como peregrinos foi transformadora: houbo un antes e un despois. Ao chegar a Compostela, á plenitude de chegar á meta uníuselle o pesar polo fin daquela aventura. Foi entón cando comprendemos que o camiñar mudara as nosas vidas: que o camiño non finalizaba, senón que comezaba naquel mesmo instante. Que o camiño sempre está mudando e sempre está comezando. Que, en definitiva, o camiño (sempre) empeza agora.

Cada ano chegan milleiros de peregrinos a Compostela e, con todo, sentimos certa indiferenza por parte da cidade na nosa chegada. Atopamos centos de tendas repetidas que ofrecían insulsos recordos e moitos comerciantes que non comprendían o que acababamos de vivir. Por iso pensamos que facía falta un lugar no que empatizar coa emoción do peregrino e que lle ofrecese un presente de calidade que levar ao seu regreso.

Esa idea foi evolucionando e cobrou vida coa nosa tenda: ‘o camiño empeza agora’. Ofrecemos artesanía, literatura e gastronomía non só de Galicia, senón dos diferentes lugares polos que pasa o Camiño de Santiago, tomando como referencia o Camiño Francés (Navarra, La Rioja, Burgos, Palencia, León e Galicia). Queremos que o peregrino entenda o noso establecemento como parte da súa ruta, un lugar no que a súa emoción vai ser comprendida e compartida.

Asemade, entendemos que a vida é un camiño en si mesma. E para afrontala é fundamental vivir no “agora”. Non é o máis importante nin o lugar de partida nin o de chegada, senón cada paso que se dá: a experiencia vital de ser, agora. Por iso a nosa tenda non se dirixe só aos peregrinos, senón tamén a todos aqueles que valoran unha vida consciente, que procuran presentes de calidade, elaborados con emoción e que precisan tempo.