Esta Semana Santa de 2021 si se poderá peregrinar a Compostela! Iso si, só dentro da comunidade autónoma na que residas, por mor dos peches perimetrais. Os que veñades por ‘O camiño empeza agora’ teredes un agasallo!
Sodes moitos os que nos preguntades cando poderemos volver facer o Camiño. Todos tiñamos previsto un Ano Santo 2021 bastante diferente pero xa sabemos que intentar planificar cada paso do futuro é imposible e que só podemos experimentar o presente, o Agora. Aceptamos os cambios que se impoñen aos nosos plans, pero non nos conformamos! E agora si, parece que esta Semana Santa 2021 poderemos botarnos ao Camiño de Santiago tomando todas as precaucións que as autoridades sanitarias e o sentido común nos recomendan.
Podemos facer o Camiño de Santiago?
A resposta é si, pero con limitacións. Pódese facer o Camiño de Santiago pero só dentro da Comunidade Autónoma na que residas, xa que continúan vixentes os peches perimetrais e, polo tanto, pechadas as fronteiras. Ademais, o goberno español estableceu un toque de queda entre as 22:00h e as 06:00, polo que nese horario deberías estar xa recollido no albergue ou hotel.
Por exemplo, se resides en Galicia poderás facer calquera Camiño sen saír dos nosos límites. Poderías facer o Camiño Francés desde O Cebreiro a Compostela; ou o Portugués desde Tui; ou o Primitivo desde A Fonsagrada a Santiago; ou o Camiño Inglés desde Ferrol a Santiago; o Camiño do Norte desde Ribadeo; o Camiño Sanabrés desde A Gudiña; o Camiño de Inverno desde o Barco de Valdeorras… As opcións son moitas!
Se resides en Euskadi podes camiñar entre Irún e Portugalete. Ou, se es de Castela e León, podes discorrer entre Belorado a Villafranca do Bierzo… E así un sinfín de opcións. Só fai falta planificación e, iso sí, comprobar sempre as limitacións de mobilidade interna que pode impoñer cada Comunidade Autónoma. Xa sabedes que as normas cambian con moita frecuencia.
Están abertos os albergues?
Desde o pasado 12 de marzo de 2021, os albergues teñen permiso para abrir. Xa se pode pasar a noite tanto nos públicos como nos privados sempre e cando a ocupación non supere o 30%. Existen, como é normal, uns procedementos estritos de limpeza e desinfección das habitacións e aseos despois da saída dos peregrinos cada mañá.
Unha das novidades este ano por mor da Covid-19 é a recomendación de facer a reserva de albergues ou outros aloxamentos para pasar a noite. A Xunta de Galicia creou unha páxina web onde se pode consultar a dispoñcomibilidade e facer a reserva dos albergues públicos. Deixámosvola aquí. Pódese facer a reserva desde o día anterior até as 13:00h do mesmo día. Tamén atenden no teléfono 881 250 888.
No caso dos albergues privados e hoteis ou pensións, son moitas as páxinas nas que atoparedes información sobre cales están dispoñibles e cales non. É cousa de chamar por teléfono e facer unha mellor planificación da que era necesaria outros anos.
Chegada a Compostela: que teño que facer?
Se sodes dos que residides en Galicia e optades por un tramo do Camiño que remate en Compostela, unha visita ineludible é vir vernos a O camiño empeza agora! Lembrámosvos que estamos no mesmo casco histórico, na rúa Algalia de Arriba, 27. Estamos desexando escoitar a vosa historia, compartir a experiencia e ofrecervos tamén o mellor recordo que levarvos ás vosas casas deste Camiño. Ademais, para todos aqueles que veñades visitarnos temos un pequeno agasallo: unha chapa co corazón de O camiño empeza Agora. Non deixes de vir!
E, claro, a outra visita ineludible é a da Catedral. Coas obras de restauración aínda non rematadas por completo, o templo compostelán pode visitarse de luns a domingo de 9:00h a 20:30h con entrada pola Porta Santa ou por Praterías. A misa do Peregrino celébrase todos os días as 12:00h e as 19:30h no altar maior da basílica compostelá.
Agardámoste en Compostela!