O Camiño de Santiago é unha experiencia única, transformadora. Así o vivimos en o camiño empeza agora. E, como tal, ten sido fonte de inspiración para moitos cineastas que nos foron amosando, con diferentes perspectivas, o que ofrece este tempo de vivencias irrepetibles.
Se xa fixeches o Camiño e queres lembrar algunha de aquelas sensacións ou estás pensando en facelo e queres acabar de convencerte, aquí che deixamos unha selección de algúns dos filmes que xa se fixeron sobre o peregrinar a Compostela (nun próximo artigo, avanzarémosche algunhas das que se estrearán este 2021 ;). Iso sí, nós cremos que cada persoa vive a súa próxima experiencia e, por tanto, fai o seu propio Camiño. O teu é, ou será, singular, irrepetible: só teu.
1.- The Way (Emilio Estévez, 2010).– É quizais a produción americana sobre o Camiño de Santiago máis coñecida e con maior repercusión. Que o actor principal sexa Martin Sheen seguro que ten que ver… Conta a historia de Tom Avery, un oftalmólogo de renome que recibe a triste noticia da morte do seu fillo Daniel nos Pirineos. Con fin de desprazarse ata o lugar para preparar o enterro, Tom descubre que Daniel se atopaba realizando o Camiño de Santiago, aínda que, por desgraza, non pasou da primeira etapa. Avery decide completar a Ruta que o seu defunto fillo non puido.
Aquí vos deixamos o tráiler subtitulado en español:
2.- Tres no Camiño (Documental, Laurence Boulting, 2004).– Esta produción española/inglesa somérxenos nas vivencias de tres personaxes: Madoka Mayuzumi, unha recoñecida poetisa xaponesa; Rob Jorritsna, un asistente social holandés; e Milena Salgado, profesora brasileira de ioga. O percorrido supón para eles unha viaxe cara o interior de si mesmos e permite ao director Lord Richar Attenborough amosar a carga espiritual que o peregrinar pode deixar nas persoas ao tempo que nos amosa a experiencia do camiñar e a viaxe interior/exterior que o Camiño supón.
Aquí podes ver o filme completo:
3.- Bo Camiño. Seis peregrinos, un destino (Documental, Lydia B. Smith, 2013).– Este filme segue a historia de seis peregrinos de diferentes idades, nacionalidades e crenzas. Gañadora de diversos festivais de cine independente e documentais, amosa a esencia do Camiño a través de historias de superación, humor, hospitalidade e compañeirismo.
Aquí o tráiler:
4.- Peregrinos (Coline Serreau, 2005).– Produción francesa de humor. Tres irmáns saben da morte da súa nai e deciden peregrinar a Santiago. Ese é o único xeito de conseguir a herdanza familiar. Os tres irmáns non poden nin verse, odian facer exercicio e a idea do Camiño nin se lles pasara pola cabeza se non fose necesario para recibir a herdanza. Iso si: o peregrinar permitiralles descubrir novas experiencias e atoparse a si mesmos.
Aquí o tráiler en español:
5.- Footprints: o camiño da túa vida (Documental, Juan Manuel Cotelo, 2016). O anuncio publicouse en Arizona: “Búscanse persoas dispostas a camiñar 1.000 quilómetros durante 40 días. Non se ofrecen garantías de chegar a destino, pero si se prometen xornadas de sufrimento intenso, con frío e calor en proporcións iguais. As lesións musculares e as bochas son máis que probables, asi como o desalento que invitará a abortar o plan. Durmirase pouco, algunhas noites sobre o duro chan ou nun saco baixo a chuvia. Se alguén se perde durante o percorrido, deberá camiñar máis distancia da prevista. Así gozará máis tempo da beleza incomparable das paisaxes de España. Quen xa percorreron este Camiño dende hai séculos aseguran que axuda a descubrir o sentido da propia existencia”.
6.- Americano (Kevin Noland, 2005).– Chris McKinley é un americano de viaxe por Europa despois da súa graduación na Universidade. Nos San Fermíns de Pamplona coñece a Adela, quen lle descobre o encanto de Navarra. A sinalización do Camiño de Santiago chama a súa atención e comeza a peregrinar cara Compostela. A súa vida, a partir dese momento, cobra unha nova dimensión.
Aquí o tráiler:
7.- Ao final do Camiño (Roberto Santiago, 2009).- Comedia romántica española protagonizada por Fernando Tejero e Malena Alterio. Os protagonistas, un fotógrafo e unha xornalista, vense obrigados a facerse pasar por unha parella para facer unha reportaxe sobre un gurú que resolve crises de parella facendo o Camiño. Xorden así situación absurdas e cómicas.
Aquí o tráiler:
8.- Vía Láctea (Luís Buñuel, 1969).– Humor surrealista e profunda crítica á igrexa e á relixión. Requírese unha ampla cultura sobre o cristianismo e sobre a mirada de Buñuel. Dous mendigos parten de Francia para facer o Camiño de Santiago. Ao longo do seu peregrinar vánselles amosando as atrocidades, herexías, supersticións ou fanatismos da relixión católica ao longo da súa historia.
Aquí un extracto do filme:
9.- O Apóstolo (Animación, Fernando Cortizo, 2012). Filme nominado en 2012 aos Premios Goya como mellor filme de Animación. Foi a primeira produción de Stop-Motion en España, feita con plastilina. Conta a historia dun preso que fuxiu da cadea e intenta recuperar un botín que agochou nunha aldea. A través das longas sendas cargadas de néboa e misterio do Camiño de Santiago, o protagonista atoparase con sinistros anciáns, espíritos e os máis variados personaxes da mitoloxía popular galega.
Aquí o tráiler:
10.- O final do Camiño (Serie de TV, 2009).– Serie de aventuras ambientada en Santiago de Compostela no Século XI. Recrea a construción da Catedral de Santiago de Compostela a través das vivencias de tres irmáns afincados na cidade galega.
Aquí o tráiler: