Neste ano Xacobeo 2021, ao abeiro de diferentes subvencións públicas para promocionar o Camiño de Santiago, xorden diferentes propostas audiovisuais inspiradas na aventura que supón a peregrinaxe a Compostela. Repasamos algunhas delas!
1.- 3 Caminos, Serie de Amazon Prime Video (Dirixida por Norberto López Amado e Iñaki Mercero) . Estréase o 22 de xaneiro na plataforma de Amazon e, ao longo de oito episodios, amosaranos a amizade entre cinco persoas de diferentes nacionalidades que comparten a experiencia do Camiño de Santiago. Son os actores Álex González, Verónica Echegui, Cecilia Suárez, Anna Schimrigk, Andrea Bosca e Alberto Jo Lee. Todos eles farán tres camiños, en diferentes etapas das súas vidas (en 2000, en 2006 e en 2021) e comprobaremos como a experiencia e o paso de tempo vai transformándoos pouco a pouco. Evolúen os seus soños, as súas inquedanzas, os seus medos… e o Camiño, sempre acompañándoos, permítelles reflexionar sobre as súas preocupacións, sandar as súas frustracións, medrar.
Temos moitas ganas de ver o resultado final desta rodaxe, que foi difícil tamén a causa da pandemia, e coñecer a cada un dos personaxes. Ademais, dende o camiño empeza agora colaboramos cedendo algunha das nosas camisetas aos actores! Queremos ver que tal loce o corazón do noso logo! E é que quen fixo o Camiño comprende que aínda que chegues á meta do Obradoiro, o camiño sempre está comezando!
Aquí vos deixamos o tráiler:
2.- Camiñantes do Noso, miniserie documental (Dirixida por Rubén Riós).- Nesta web serie, o actor Rubén Riós, percorre 10 etapas da Vía da Prata, desde A Canda ata Santiago de Compostela na procura da mirada dos maiores das poboacións polas que pasa. Presta así atención á tradición, aos recordos dos nosos vellos e ás súas ensinanzas. Cada episodio xira entorno a un tema do que os nosos maiores teñen moito que dicir: o abandono rural, a soidade, a familia, o orgullo galego, a violencia de xénero, o emprendemento…
Podes ver aquí o tráiler e todos os capítulos, ademais de en youtube, tamén se poden ver na web do Portal da Lingua Galega
3.- Docway, miniserie documental.- Esta webserie adéntrase no Camiño Portugués da Costa. Na viaxe, a protagonista, Cristina Maró, xunto a todos os peregrinos que vai atopando no Camiño, descobre a beleza natural, cultural, local e social da ruta a Compostela.
Podes ver xa os primeiros catro capítulos na páxina web de docway ou no canal de Quemasver en Youtube. Aquí che deixamos o primeiro episodio:
Estamos certos de que nos próximos meses coñeceremos novas propostas audiovisuais sobre o Camiño de Santiago. Intentaremos estar atentos e informar! E se queres revisitar outros filmes sobre a ruta compostelá, podes visitar o noso post: O camiño e o Cinema: Dez filmes para recuperar este Ano Santo.